luns, 30 de xuño de 2014

ENCONTROS LITERARIOS CON ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

A mañá do luns 16 de xuño de 2014 estivo chea de emoción, sentimento ao redor da palabra poética, narrada e sentida por parte de dous dos escritores máis salientables do actual panorama da LIX galega: Antonio García Teijeiro e An Alfaya.
O primeiro dos encontros foi con 2º da ESO no que os alumnos compartiron con Antonio poemas de "Na fogueira dos versos" (Xerais) ,poemario que leva xa dous anos acompañándoos e que forma parte de si. Os alumnos leron , recitaron, cantaron e contaxiaron a maxia poética.
Tamén nese mesmo encontro os alumnos compartiron con A.G.T. as súas impresións sobre a lectura do libro : "Os peixes de cores", traballado durante todo o ano nas sesións de libro- fórum. Libro de referencia se falamos do autocoñecemento humano. Trátase dunha viaxe iniciática cara ao interior do ser humano. Aquilo que o autentifica como persoa e o relaciona co medio que o rodea. Aprenderon o verdadeiro valor da amizade, moitas veces devalorada, tamén o da xustiza (O home de Nebraska). Foron conscientes de que a guerra supón o fracaso máis grande da humanidade, pero que cada un de nós ten que loitar por acadar os seus peixes de cores.


domingo, 29 de xuño de 2014

ENCONTRO DE ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO CON 4º DA ESO


O encontro cos alumnos de 4º da ESO, con Antonio García Teijeiro foi moi especial, pois as emocións estaban a flor de pel xa que significaba tamén unha despedida dos alumnos que, na maioría dos casos, levan xuntos compartindo momentos dende os tres anos (a súa etapa infantil) ata a súa adolescencia (4º ESO).
 Ao longo deste curso académico os alumnos de secundaria do Colexio Possumus contaron con obradoiros semanais de creación literaria, sobre todo poética ao carón do seu mestre-poeta AGT. Nesas sesións os alumnos educaron a súa sensibilidade poética ao tempo que reflexionaron sobre o feito da creación coma un xeito de "necesidade vital" onde un se pode baleirar. Ao longo destes meses gozaron coa palabra poética de varios autores pero sobre todo dos trobados polo gran trobador de todos os tempos, Paco Ibáñez. Os alumnos escoitaron, sentiron, recitaron, crearon e cantaron os versos de : Lorca, Alberti, Antonio Machado, Juan Ramón Jiménez, Nicolás Guillén, César Vallejo, Alfonsina Storni, Pablo Neruda e Rubén Darío entre outros moitos referentes literarios.
Toda unha marabillosa experiencia que foi depositando en cada un deles o pouso sereno do verso que reivindica xustiza, liberdade, igualdade e solidariedade; en definitiva, un mundo mellor, máis plural onde a diferenza sume pero nunca reste.

ENCONTRO CON AN ALFAYA NO COLEXIO POSSUMUS

O día 16 de xuño a biblioteca do Colexio Possumus acolleu a escritora An Alfaya que veu falar do seu libro "O recendo das clementinas" (Edelvives) para o curso de 1º da ESO.
O encontro foi un verdadeiro pracer para os alumnos e alumnas que puideron ter en carne e óso a An Alfaya contando anécdotas e detalles curiosos do libro que traballaron ao longo deste ano.
Ademais, tiveron a oportunidade de facerlle preguntas á escritora que asinou os libros dos nenos e nenas.
Este encontro, emotivo e máxico,deixounos un bo sabor de boca e un recendo a clementinas.


venres, 27 de xuño de 2014

Excursión Fin de Curso: O Grove

Coma todos os anos, chegado o primeiro venres de xuño, organizamos a Excursión de Fin de Curso. Nesta ocasión a meteoroloxía non estivo do  noso lado e obrigounos a pospoñela para o venres seguinte, unha boa idea xa que tivemos un día radiante  e soleado.
Nesta ocasión visitamos O Grove e A Lanzada, fixemos unha pequena ruta de sendeirismo cara ao mirador de A Siradella e gozamos dun espléndido día na Praia Area das Pipas.
Durante todo o percorrido os alumnos foron recollendo información para cumprimentar unha ficha de campo que posteriormente foi corrixida na aula.

Preme no seguinte video para ver o ben que o pasamos!!

luns, 23 de xuño de 2014

SAÍDA Á FUNDACIÓN LAXEIRO



O pasado mércores 30 de abril os alumnos de 1º e 3º de ESO visitaron o Museo das Artes para coñecer parte da obra do pintor galego Laxeiro.
Grazas ás amenas explicacións da guía coñeceron datos relevantes da vida do artista, axudándolles, deste xeito, a entender mellor a súa obra.
Asimesmo os alumnos crearon varios murais nos que plasmaron temas recorrentes nos cadros do pintor.




mércores, 4 de xuño de 2014

A evolución histórica das TIC

Baixo as siglas TIC ( Tecnoloxías da Información e a Comunicación) recóllense todas aquelas ferramentas tecnolóxicas que, dende hai xa ben tempo, facilitan a comunicación entre os individuos.
A súa evolución recollérona os alumnos de 4º ESO en diversas liñas de tempo.
-Wendy Carrillo e Raquel Silva.
-Macarena Martín e Nerea García
-Rubén García e Lara López 
-Xoel Hermida e Aarón Álvarez
-Juan López e Sheila Gallardo
-Pedro e Andrea
-Manuel Couto e Iago Freire
-Irene Martínez y Jacobo García